En primeiro lugar deuse conta dos resultados do transporte urbano no ano 2009.
En resumo, os datos amosan un descenso do número de viaxeiros dun 2,78 % respecto ao ano anterior (217.829 viaxeiros menos).
O primeiro a resaltar acerca desta perda de viaxeiros é a dinámica ou o número de días laborábeis neste ano en relación ao ano 2008. En 2008 houbo 252 días laborábeis por 249 en 2009. Pola contra, neste ano houbo dous sábados máis que no ano anterior (50 fronte a 48). O número de domingos e festivos foi o mesmo, 66. A diferenza de un día no conxunto é debido a que o ano 2008 foi ano bisesto.
Segundo a análise realizada polo departamento técnico da empresa, cifrouse nuns 64.000 viaxeiros de perda debido a esta circunstancia.
Por outra banda, este ano déronse unha serie de circunstancias que en determinados días incidiron de xeito moi negativo sobre o transporte urbano. Son tales como:
- O temporal dos días 9 de febreiro e 16 de decembro, a consecuencia dos cales se suspenderon as clases. Este é un feito que incide de xeito moi negativo no transporte urbano, que dende TUSSA cífranse en 11.594 viaxeiros menos.
- As tractoradas dos días 17 e 18 de xuño, 14, 15 e 16 de xullo e 9 e 15 de decembro. Podemos estimar unhas perdas por este motivo duns 3.071 viaxeiros nos días correspondentes ao mes de xuño, duns 3.566 nos relativos a xullo e duns 2.500 no referente a decembro. En total por este concepto suman 9.137 viaxeiros.
- O resto de usuarios estamos convencidos que na súa meirande parte débense aos efectos da recesión económica, do mesmo xeito que en boa parte das actividades económicas, neste caso tamén, ten unha incidencia negativa.
Dun modo xeral, comentar que segundo o reflectido tanto nas estatísticas do sector, como as do propio INE a baixa media en toda España foi dun 3%. Segundo o observado na nosa rede podemos afirmar que son máis os usuarios do transporte urbano no pasado ano, pero á súa vez destacar que viaxan menos.
É evidente que se trata dunha baixada xeralizada en todas as comunidades.
Un dato significativo é o feito de que suban os usuarios que utilizan o transbordo gratuíto nun 4,75% con respecto ao pasado ano, descenda o número de usuarios do billete ordinario nun 5,65% e aumenten os usuarios do bono ordinario nun 1,10%. Todos estes datos confirman que os usuarios empezan a comprender e a utilizar todas as melloras dos últimos anos.
En todo caso podemos afirmar que dende esta realidade, a crise económica repercutiu nunha baixada das viaxes mecanizadas en automóbil e en transporte colectivo. Ante esta situación, os cidadáns con maior nivel de renda, consecuentemente os menos afectados pola crise, seguen movéndose en coche, mentres que as persoas de renda media ou baixa, e por tanto máis vulnerables economicamente, seguen desprazándose en transporte público, pero menos, nuns casos por aforro e noutros por entrar nunha situación de parado.
Cabe destacar tamén o esforzo que dende TUSSA se realizou no pasado ano coa contratación dun inspector para mellorar a atención ao cliente e o control sobre o servizo, así como co lanzamento da campaña “+ BUS”.
Outros datos de 2009 son as preto de 100.000 visitas á paxina web de TUSSA e as 660 chamadas ao teléfono 901 12 00 54, de información a tempo real de paso dos autobuses. Destacar tamén que o servizo de atención á mobilidade, posto en marcha na páxina web de TUSSA, atendeu o pasado ano a un total de 234 consultas.
Por último destacar que o sistema de transporte individualizado en bicicleta contou cun total de 3.965 usuarios o pasado ano, cifra a priori simbólica pero que estamos convencidos que se trata do inicio do establecemento da bicicleta como unha nova alternativa de transporte, que formará parte da intermodalidade da nosa cidade.
Así mesmo o Consello de Administración formulou as contas da Sociedade, das que se poden extraer os seguintes resultados: un volume de ingresos de 1.303.448,99 €, un volume de gastos de 1.290.533,73 € e un resultado despois de impostos de 12.915,26 €
En canto ao balance, en termos globais de activo e pasivo, obtivemos unha cifra de 881.377,32 €.
En canto ás instalacións, todas tiveron resultados positivos. Como actuacións máis detacables do exercicio pasado, suliñar as seguintes:
Na estación de autobuses leváronse a cabo as obras de mellora e acondicionamento da zona de estadías; a obra realizouse en decembro, e o custo total ascendeu a 37.900 €.
No mes de maio realizáronse as obras de renovación e ampliación dos baños públicos do aparcadoiro de Xoán XXIII. Realizouse unha renovación total dos aseos da zona de San Francisco, aumentando a súa capacidade, coa construción a maiores dunha sala de espera para uso xeral. O importe da obra ascendeu a 24.807,65 €.
En 2009 acometeuse tamén a reparación do ascensor de Xoán XXIII e acondicionamento de entrada dende a Avda. Xoán XXIII. Coa posta en marcha desta instalación, o aparcadoiro mellorou tanto as prestacións en materia de accesibilidade como a propia imaxe de cara aos usuarios.
No aparcadoiro vixiado de Belvís levouse a cabo o pintado das prazas de aparcamento.
En relación ao transporte urbano, é de destacar a limpeza e reparación das marquesiñas do rural que se acometeu entre os meses de xuño e xullo, a contratación no mes de maio de un inspector para o control do transporte urbano e a posta en marcha da campaña de promoción “+BUS”.
Por último o Consello de Administración aprobou a posta en marcha dun estacionamento para bicicletas privadas e un despacho de consignas. Ambas instalacións estarán localizadas no aparcadoiro de Xoán XXIII e terán un custo de 2 € por día ou fracción (cada un dos servizos) e de 3 €, no caso de que a utilización sexa conxunta.