O Concello de Santiago súmase ás novas axudas estatais ao transporte e reconfigura os títulos de viaxe e as tarifas a partir do 1 de xullo

Novas de Tussa
O Concello de Santiago acollerase á nova liña de axudas estatais ao transporte, e aplicará os descontos previstos no decreto lei de medidas urxentes para facer fronte ás situacións de vulnerabilidade. As novas tarifas, que priman a bonificación á xente máis nova, entrarán en vigor o 1 de xullo.

O 1 de xullo entrarán en vigor as novas axudas directas ao transporte do Ministerio de Transporte e Mobilidade Sostible, que supoñen importantes novidades con respecto ás liñas de bonificación que estaban en vigor desde 2022. A principal tén que ver coa gratuidade do servizo de autobús para a poboación infantil ata os 14 anos e o desconto do 50% do importe da tarifa no bono xuvenil, para os mozos e mozas de 15 a 17 anos. Nos abonos multiviaxe, o Estado bonifica o 20% do importe da tarifa, sempre que o Concello asuma outro 20% con cargo aos seus orzamentos.
Reconfiguración dos títulos de viaxe
Estas novidades obrigan a reconfigurar, non só as tarifas, senón tamén os títulos de viaxe activos na rede de transporte urbano de Santiago para establecer a gratuidade para a poboación infantil e o desconto do 50% no abono xuvenil.
Desta maneira, habilítase un novo título de viaxe denominado “abono infantil” dirixido aos nenos e nenas desde os 4 ata os 14 anos incluídos; e a tarxeta azul, correspondente ao antigo bono escolar válido ata os 18 anos, reconfiguraráse como “abono xuvenil” para os mozos e mozas de 15 a 17 anos. 
As novas tarxetas poderanse retirar, a partir do martes 1 de xullo, nas oficinas de Tussa situadas na estación de autobuses ou nas dependencias de Tralusa, no recinto feiral de Amio, en horario de 9.00 a 14.00 horas.
Novas tarifas
En canto ás tarifas que entrarán en vigor o 1 de xullo, o bono infantil (ata os 14 anos) será gratuíto, e o prezo da viaxe có bono xuvenil (15-17 anos) pasará a ser de 20 céntimos. 
No bono ordinario, o prezo por viaxe quedará nos 0,36 euros, grazas á achega estatal de 0,12€/viaxe e á achega municipal, tamén de 0,12€/viaxe. Por último, o bono mensual, que dá dereito a viaxes ilimitadas en 30 días naturais, quedará en 15,60 euros. Neste caso, as achegas tanto estatal como municipal son de 5,20 euros.
Horario de verán
O 1 de xullo tamén entrarán en vigor os horarios de verán do servizo de transporte urbano, que se manterán con respecto a tempadas anteriores. No documento adxunto poden consultar os horarios e frecuencias por liña.
Nos vindeiros días estará disponible nos autobuses a modificación de horarios no folleto impreso habitual, e realizarase a substitución da cartelería nas paradas da cidade.

ESTACIÓN DE BUS

ESTACIÓN DE AUTOBUSES
981 542 416

TRANSPORTE URBANO

TRANSPORTE URBANO
901 120 054 / 981 581 815

ORA

SERVIZO ORA E RESIDENTES
981 568 106

Parking

APARCADOIROS
981 583 447

Depósito

DEPÓSITO
981 582 220