Dende o vindeiro 10 de setembro entrarán en vigor como cada ano os horarios de inverno no transporte urbano.
Nos últimos anos a rede de transporte viuse “afectada” por distintas medidas tanto administrativas como de optimización de recursos que nos levou a un asentamento total do mapa de liñas na cidade.
As infraestruturas que se están a realizar, tales coma o túnel da zona de Galuresa e a remodelación de rúas tanto no ensanche da cidade como en moitos dos barrios do Concello, fannos pensar nun futuro gran proxecto de remodelación da rede. É por iso que dende o Concello de Santiago se está a traballar na redacción do prego de condicións do PMUS (plan de mobilidade urbana sostíbel), que de xeito inminente sairá a licitación e no que se están a recoller todos os aspectos relacionados coa mobilidade dos cidadáns e visitantes da nosa cidade. É evidente que o transporte ten un gran peso neste prego e que a ben seguro recollerá tanto as demandas como unha adecuación da actual oferta ás novas necesidades que se están a presentar.
Por todo iso, dende a sociedade municipal TUSSA estabelecéronse dúas prioridades na configuración destes novos horarios: a adecuación da rede ás novas infraestruturas e a continua mellora nos sistemas de información.
No tocante á adecuación ás infraestruturas, as principais novidades están nas liñas que circulan no contorno da Avda. de Ferrol, Sánchez Freire, García Prieto e Avda. de Vilagarcía. Neste caso, e adiantándonos ao remate das obras, os percorridos xa se verán modificados, de xeito que a penetración das liñas dende a rotonda de Conxo ata o centro da cidade se fará dende o inicio da Avda. de Ferrol, incorporando tres novas paradas na devandita rúa: a primeira na praza da Mercé, a segunda á altura do número 49 (confluencia coa rúa Xosé Pasín) e a última parada deste tramo na última praza da rúa.
É probábel que, sen que se trate de grandes modificacións, a estrutura doutras liñas se vexa modificada durante o inverno.
En segundo lugar fíxose unha importante análise no sistema de información, onde primou o achegamento e o intento de mellorar a comprensión das liñas e percorridos urbanos. En primeiro lugar divídense as liñas en tres grandes áreas: liñas urbanas (10 liñas), liñas urbanas circulares (6 liñas) e liñas periféricas (8 liñas). Esta división, que aparecerá de xeito claro nos horarios coas distintas denominacións, serve para clarificar a tipoloxía das liñas, aspecto que consideramos importante xa que dado que o transbordo é gratuíto isto facilitará a información.
Cabe destacar os seguintes aspectos:
O feito de aclarar as liñas que son circulares é principalmente dende o punto de vista tarifario, xa que observamos certo descoñecemento sobre as liñas; neste sentido aproveitamos para lembrar a todos os usuarios que unha das vantaxes da liña circular é que se pode ir dende a parada onde se colle o bus ata esa mesma parada sen aboar máis que un só título de viaxe.
O feito de numerar as liñas periféricas, obedece a que, ao igual que sucede nas liñas urbanas, os usuarios reclaman saber de xeito claro cal é a “súa” liña, e coa denominación (Villestro, Ortoño…) non parecía suficiente.
Deste xeito, a denominación das liñas queda da seguinte maneira:
Liñas urbanas
LIÑA 1. polígono do Tambre / hospital Clínico
LIÑA 2. Rocha Vella /estación de autobuses
LIÑA 4. Romaño / Vista Alegre / As Cancelas
LIÑA 5. Vite / estación de autobuses / praza Roxa / Conxo / A Rocha
LIÑA 6. San Lázaro / Os Tilos
LIÑA 7. San Roque / Aríns
LIÑA 8. Belvís / San Lourenzo / Vidán
LIÑA 12. Os Tilos / hospitais
LIÑA 13. tanatonio Boisaca / polígono do Tambre / Guadalupe / Casas Novas
LIÑA 15. campus norte (Vite) / praza de Galicia / campus sur
Liñas urbanas circulares
LIÑA C2. Est. de autobuses / Fontiñas / hospitais / Vite / Est. de autobuses
LIÑA C4. Est. de autobuses / Vite / hospitais / Fontiñas / Est. de autobuses
LIÑA C5. Pgno. Costa Vella / praza de Galicia / Paxonal / Amio / Pgno. Costa Vella
LIÑA C6. Pgno. Costa Vella / Amio / Paxonal / praza de Galicia / Amio / Pgno. Costa Vella
LIÑA C9. Viso (multiusos Fontes do Sar) / praza de Galicia / A Rosa / Viso (multiusos Fontes do Sar)
LIÑA C11. Circular de Fontiñas
Liñas periféricas
LIÑA P1. estación de autobuses / FIGUEIRAS
LIÑA P2. estación de autobuses / ORTOÑOLIÑA
P3. San Roque / SANTA LUCÍA / A PAJUELALIÑA
P4. praza de Galicia / SIONLLA
LIÑA P5. rúa Senra / SON
LIÑA P6. Hórreo / BANDO / VILAMAIOR
LIÑA P7. PEREGRINA / GRIXOA / Porta do Camiño
LIÑA P8. San Roque / VILLESTRO
Xa poden consultar toda a información no documento que se achega, e a partir de mañá na páxina do “transporte urbano” desta web. Ademais editaranse 30.000 folletos informativos que estarán a disposición dos usuarios a partir desta mesma semana nos propios autobuses, nas oficinas de TUSSA, na estación de autobuses, na oficina de Atención ao Cidadán e na casa das Asociacións.
Así mesmo, lembramos que a empresa operadora Tralusa ten á súa disposición o teléfono 901 120 054 os 365 días do ano no horario de funcionamento do servizo, teléfono no que lles poderán informar de horarios, rutas e tempo estimado de espera nunha parada determinada.