A cidadanía de Santiago de Compostela conta desde hoxe con unha nova ferramenta para coñecer todas as solucións de mobilidade que ofrece a empresa municipal TUSSA, o sitio web www.tussa.org. Grazas ao espazo de actualidade na portada, os usuarios poderán coñecer cun solo clic calquera novidade ou cambio que se produza nos múltiples servizos que ofrece a compañía.
No apartado Transporte urbano pódese consultar toda a información útil respecto ás liñas de autobús metropolitano: tarifas, horarios, paradas... O buscador permite tamén coñecer todas as liñas que pasan por unha determinada parada, e ver os resultados no mapa, para poder escoller o itinerario que mellor conveña.
O portal permite tamén coñecer, de cara a desprazamentos de máis percorrido, todas as liñas que operan desde a Estación de Autobuses, cos datos de contacto de todas as empresas que operan cada unha delas. Tamén se pode consultar a mellor maneira de achegarse á propia Estación de Autobuses desde distintos puntos de orixe.
Os que prefiran moverse en bicicleta pola cidade poden atopar na web toda a información relativa ao servizo Combici: a localización dos diferentes puntos de préstamo, as condicións de uso, as tarifas... Tamén se poderán descargar directamente os documentos para a inscrición no servizo.
Para os desprazamentos en vehículo privado, a páxina permite aos internautas coñecer todos os servizos dos aparcadoiros xestionados pola empresa, o de Belvís e o de Xoán XXIII. Pódese consultar a localización dos mesmos e a información sobre como chegar desde diferentes puntos de fóra da cidade e coñecer os servizos que ofrece cada un. Ademais, pódense descargar as tarifas e incluso solicitar o abonamento en liña.
Ademais, a través do formulario de Mobilidade, pódense enviar as dúbidas ou problemas concretos de transporte, e a empresa dará a solución máis axeitada a cada caso nun prazo máximo de 24 h. Esta opción completa así un servizo que permitirá que tanto os cidadáns como os turistas aproveiten ao máximo a oferta de transporte de Compostela.